Blog
Corcubión xa viaxa cara o medievo
Xa está en marcha, e sen freos, o XI Mercado Medieval Costa da Morte, que terá lugar os vindeiros 22, 23 e 24 de xullo.
De feito, o seu Facebook e a nova web www.mercadomedieval.info xa ferven.
Xa tomou o relevo a nova Asociación Organizadora do Mercado Medieval de Corcubión tralos 10 anos de incansable traballo do anterior equipo. Moitos dos antigos colaboradores continúan en marcha coa aposta, como a Asociación de Porco Celta da Costa da Morte que non deixará de encher de bo xantar a festa.
Así e todo, a festa será algo máis humilde, que non divertida, que outros anos. O Desembarco non se poderá facer ante a falta de axudas da Xunta de Galicia. E será a empresa Temporarius (aínda está aberto o prazo para que os comerciantes se inscriban) a encargada de engalanar a vila.
Seguirá habendo case 100 postos de artesanía, con moitos que chegan directamente da zona, como gastronómicos e de artesanía, que pouco a pouco van medrando en número e calidade.
O Programa será completo. O venres 22 de xullo a apertura do Mercado será ás 19:00h co pregón e un continuo pasarrúas de Bufóns, malabaristas… A primeira noite, rematará sobre as 22:30h cun Espectáculo nocturno, que será novedoso tralos fermosos Desembarcos dos 4 últimos anos.
Para o sábado haberá de todo. Dende as 11:30h, os xogos medievais invadirán as rúas. O Izado do pendón, momento importante, será ás 12:00h, e de seguido continuarñan as actividades con pasarrúas, cetrería, teatro de rúa… ata ás 14:30h.
A festa volve a partir das 18:00h con máis do mesmo. Ás 23:30h toca outra das citas ineludibles: a Procesión de fachos.
O domingo non decae a festa e ata ás 0:00h haberá festa. O Teatro, o circo, faquires, a cetrería, a música… Unha marea de actividades para trasladar a vila de San Marcos ao Medievo.
Fonte: QPC
Entrada publicada: 07/06/2011
Volver