Blog
Corcubión convértese en capital do turismo
O público, un ano máis, non fallou á cita co Mercado Medieval de Corcubión, que se encheu ata a bandeira pese ao molesto vento. Atopar un oco onde deixar o coche era misión imposible onte no centro urbano. A chaira habilitada polo Concello aliviou algo a situación, pero aínda así o porto cubriuse de vehículos.
E é que poucos querían perderse o espectáculo da zona vella convertida por uns días en mercado da Idade Media.
Cambiou a organización pero o espírito medieval continúa igual de vivo. Moitos disfraces e moitos curiosos asomándose aos postos. Nalgunha taberna esgotaron ata o pan.
Moito movemento nas rúas e moito nos locais habilitados, tanto os chegados de fóra como os dos veciños da zona, unha ducia, que teñen xa praza fixa en Corcubión.
Do volume de visitantes logrado dá conta a celebración, o venres, do Desembarco en Quenxe. Todo o paso marítimo se cubriu de xente, do mesmo xeito que os muros, terrazas e zonas altas da contorna do areal. Non cabía un alfinete.
Hoxe haberá de novo xograres e músicos polas rúas, exhibición de tiro con arco, de cetrería, teatro na rúa e sobre todo moito que comprar.
Fonte: A Voz de Galicia
Entrada publicada: 24/07/2011
Volver