Blog
Mercado medieval con vocación comarcal
Dende a Asociación Organizadora Mercado Medieval Costa da Morte, e dende o Concello de Corcubión e Géminis Servicios Temáticos y Artísticos, que integran o equipo de organizadores e colaboradores, co apoio das entidades que patrocinan, teñen unha pretensión: ser unha cita comarcal. "Na Costa da Morte, iniciativas con este carácter de comarca penso que hai poucas", valora José Ramón Piñeiro. O mercado medieval que eles veñen facendo dende o 2011 ten esa filosofía e, de feito, así se fixo constar no nome destes tres días cando eles colleron as rendas da organización: chámase Mercado Medieval Costa da Morte. "Foi outro dos cambios que introducimos", conta o presidente da entidade organizadora. Potenciaron, ademais, o nivel de actividade, enchendo o horario de animación de todo tipo, xa sexa musical, teatral, lúdica... "Ves pasar a xente de todos os lados, e iso é o mellor, o máis bonito", manifesta.
As pilas en Corcubión xa están cargadas, as ganas de festa acesas e os tempos dados a volta para que milleiros de persoas chegadas de toda a comarca fagan das rúas do mercado unha grande fileira de visitantes. Durante tres días, a vila será outra, sumida nos tempos do pasado, pero sempre coa mente posta no futuro. Tal e como xa dixera Piñeiro en Radio Voz: "Intentamos que haxa un panorama aberto e non nos pechamos a novas ideas".
Fonte: La Voz de Galicia
Entrada publicada: 18/07/2014
Volver