Blog
O programa de Corcubión non o teñen nin as cidades

Nerviosos non, pero si inquedos polo tempo, que sempre ten a última palabra. En Corcubión está pendentes do ceo e así o conta José Ramón Piñeiro, presidente da Asociación Organizadora Mercado Medieval Costa da Morte, na que tamén son parte moi activa o seu cuñado Aquiles Garea, así como Darío Redonda. A lista de colaborares é máis ampla: Lilía, Javier, Pana... As expectativas desta 14.ª edición que comeza hoxe volven ser moi altas: "Rezamos para que a choiva non afecte a estes tres días para os que traballamos tanto". Os aires doutra época xa están instalados na vila.
Un programa sen descanso...
Igual soa algo a broma, pero creo que a programación que ten este mercado medieval non a hai nin nos das grandes cidades. Cada 15 minutos, unha actividade... Iso fará deste mercado algo moi dinámico, con moito que ver.
Para unha cita así, non ben acabará unha para empezar a traballar a do ano seguinte. E non parece precisamente pouco.
Tanto eu coma o meu cuñado Aquiles xa estabamos na anterior asociación, aínda que non levabamos os temas que temos que levar agora. Daquela estabamos máis ben na segunda liña, pero se non o tivéramos collido, o mercado desaparecía. Nós empezamos no 2011 e empezamos de cero.
¿E agora, que axudas teñen?
Naquel primeiro ano no que nós organizamos, aínda o Concello nos puido meter unha pequena man na cuestión económica. Agora as cousas están como están e esa aportación foi decaendo, pero axúdanos moito doutra maneira: dándonos cobertura en cuestións de tramitación de licencias, cesión de espazos públicos... Agradecémoslle todo ese apoio en cuestións burocráticas e tamén en promoción. Nos anos anteriores non tiñamos axuda da Deputación, pero este danos unha pequena cantidade [súmase a outros patrocinadores, como Mahou, Ferroatlántica, a Cámara de Comercio de A Coruña e a Xunta]. Non obstante, non temos o presuposto de hai anos.
¿Podería dar unha cifra?
Falo en porcentaxes: debemos ter un 60 % menos de orzamento que a anterior asociación. Iso si, tivemos a gran sorte de dar cunha empresa coa que estamos encantados da vida: Géminis Servicios Temáticos y Artísticos. Xente seria que vive isto e é moi responsable. Para nós son clave tamén os patrocinadores, xa partindo dos da zona: negocios da hostalería de aquí de Corcubión e mesmo de Cee, que tamén colaboran. Mahou leva con nós os catro anos e, pola banda de Ferroatlántica, é moito de agradecer o labor que fai, o esforzo desta empresa non só co mercado medieval, senón con calquera iniciativa que haxa.
En Corcubión teñen, ademais, o marco perfecto, a vila precisa, para un mercado medieval.
Si. Este ano estiven no mercado medieval do Álamo, un dos máis grandes de toda España. Alí, quen organiza é o Concello e preguntáronme que me parecía. Díxenlle que moi grande, pero que nós organizábamos todo isto dende un pobo pequeno de Galicia. Corcubión non é grande, pero é coñecido fóra de aquí polo seu mercado medieval. ¿Como dicilo? Ten pedigree. Penso que por varias cousas: pola implicación que acada por parte da xente, de todos os veciños e porque se celebra nun casco histórico moi bonito. Non nos podemos queixar, para nada, xa quixeran moitos. En Corcubión temos o feito histórico que xustifica este mercado medieval, que é o desembarco. Este ano, coma o anterior, non se representa [xa tivera pasado máis atrás], pero é algo que non perdemos de vista e que non queremos esquecer.
Verá que proliferan mercados medievais por moitas zonas, aínda que non haxa feito histórico.
Si, foron xurdindo a medida que este avanzaba. Temólos en Muros, en Camariñas, en Muxía, ese intento que houbo en Fisterra e mesmo tamén en Carballo.
Fonte: La Voz de Galicia
Entrada publicada: 18/07/2014
Volver