Blog
Corcubión festexa os seus feitos históricos máis soados
Corcubión volverá sufrir un retroceso ao pasado este próximo fin de semana. As rúas do centro histórico desta localidade volverán ao medievo a partir das 5 da tarde do día de hoxe.
Esta 15ª edición presenta un espectacular programa con actuacións cada quince minutos, representacións rueiras e concertos de folk medieval. Agrupacións como Cornalusa, de orixe portuguesa, ou Barbarian Pipe Band, alemá, presentarán os seus espectáculos musicais ao longo das tres xornadas que durará o mercado.
José Ramón Piñeiro, presidente da Asociación Organizadora do Mercado Medieval Costa da Morte, espera repetir o éxito cultivado en edicións anteriores. «Contamos superar as 30.000 visitas durante os tres días que durará o mercado», afirmou Piñeiro. Sinalou así mesmo o descontento coas institucións que «non fan caso dunha celebración de tanto valor histórico e cultural como é este mercado, que é o máis antigo da Costa da Morte»
Este ano volverá escenificarse na praia de Quenxe ao redor das 10 da noite, o desembarco das tropas do arcebispo compostelán Rodrigo de Lúa en terras de Corcubión. «Tralo desembarco, os figurantes que participan no mercado desfilarán dende o Club Náutico e haberá unha gran sorpresa para todos os asistentes», afirmou Piñeiro.
A implicación dos veciños da localidade é, segundo Piñeiro, o factor que diferencia a este mercado do resto de festas medievais que se celebran na zona. «Unha festa con pedigree», como el mesmo a define.
A climatoloxía, que augou a festa aos asistentes o ano pasado, preocupa aos organizadores que «só esperamos que se manteña como estes días, nin chuvia nin calor, senón moita xente optaría por achegarse á praia».
As rúas de Corcubión, cargadas da súa propia historia, son un escenario inmellorable para a celebración dunha cita destas características. Por uns días, Corcubión cambiará a tranquilidade das súas rúas polo bulicio propio dun mercado medieval, os veciños volverán brindar con copas de barro e a palla cubrirá o chan que pisarán músicos, malabaristas e contacontos.
Piñeiro anima a asistir a todo aquel que poida pois, quen non o faga, «vanse perder un momento histórico e moitas sorpresas difíciles de esquecer»
Fonte: A Voz de Galicia
Entrada publicada: 24/07/2015
Volver