Blog
O Desembarco da Medieval será integramente corcubionés
Foi unha das críticas do ano pasado e á organización non lle caeu en saco roto, co que José Ramón Piñeiro quixo deixar claro onte na presentación do Mercado Medieval Costa da Morte, que se celebrará do 22 ao 24 de xullo, terá un elenco para o Desembarco «integramente corcubionés». Incluso os actores protagonistas da loita «serán galegos» para evitar os problemas idiomáticos que deron que falar.
Á marxe desta cuestión, a cita, na que haberá unha recolocación de espazos, «este ano será a mellor, como consideramos o pasado, o anterior,...» sinalou Piñeiro, que puxo o acento en actuacións destacadas como Ao Medievo, Jabardeus ou a Coral de Doa Xuana («futuros Airiños de Quenxe», como chancean no cartel. Ademais da Mahou, Ferroatlántica, os comercios, os veciños,... e todo o que dun xeito ou outra lles axuda, o presidente da organización agradeceu o «cariño» co que lles trata este goberno da Deputación, en contra do que ocorría co anterior.
Como representante do goberno provincial, o deputado dumbriés José Manuel Pequeno, mostrouse «encantado» co ton comarcal da celebración e recordou que desde as primeiras edicións xa prevía que «esta festa ía ir para adiante» porque «cando se involucra o pobo e cando as cousas realmente funcionan». Pola súa banda, o concelleiro de Cultura, José Antonio Louro, ademais de desculpar a ausencia do alcalde pola grave enfermidade da súa nai, tamén repartiu agradecementos, especialmente aos organizadores, tanto aos actuais como aos iniciadores hai 16 anos.
Fonte: La Voz de Galicia
Entrada publicada: 24/06/2016
Volver