Blog
Corcubión vístese con galas de outrora para acoller ata o domingo miles de visitas
Hai máis, sen dúbida, e proliferan de maneira crecente por toda a xeografía do país, pero para falar de autenticidade, tradición e implicación popular neste tipo de festas de inspiración histórica hai que facelo do Mercado Medieval Costa da Morte, que desde hoxe ata o domingo traerá a Corcubión a miles de visitantes, para gozar dos produtos e actuacións de centenares de comerciantes e artistas.
Ás cinco da tarde levántase o pano, ou máis ben ábrese o mercado, e a partir de aí xa non queda espazo nin horario baleiro. Cada 15 minutos hai programado un espectáculo que arrincan coa música andalusí e o baile oriental da Al-folk e non pairan ata un dos pratos fortes da xornada, no concerto no palco da Al-Medievo, un dos grupos cabeza de cartel, se que iso existe en Corcubión, porque a diversidade e a calidade é tal, que custa priorizar unhas actuacións por encima das outras. Ademais, no medio deses dous momentos sinalados pódese atopar de todo: trasnos, faunos, homes orquestra, trapecistas, circo teatro, exhibicións de voo con aves de cetrería (como as que hai ás 18.15, as 20.15 e as 21.45), ... e por suposto multitude de opcións para comer, beber, comprar artesanía, cosmética e todo tipo de produtos cun aire doutra época.
Mañá o menú lonxe de alixeirarse refórzase. Por citar algúns nomes estarán Jabardeus, Malatitsch, outra vez Al-Medievo, A Recua, ... e Pan de Capazo, que será o grupo do concerto central á unha da madrugada no palco instalado na Praza de Castelao, o corazón do pobo.
Se alguén pensaba que iso era todo está profundamente equivocado porque este ano o domingo ten unha programación igual de completa, extensa e intensa que o propio sábado. Hai citas das 11.00 horas ata as 00.30, co espectáculo circense Ornatus, da compañía Bambolea.
Aínda por riba as previsións de tempo son boas e melloran a medida que avanza o fin de semana, co que o destino está claro: Corcubión.
O mercado corcubionés está cheo de atractivos en todos os recunchos do pobo e acotío. Desde hoxe ás cinco da tarde ata pasada a medianoite do domingo é practicamente imposible pasar por Corcubión sen atoparse con algún espectáculo. Con todo hai unha hora marcada por todos, especialmente polos veciños que este ano serán os protagonistas indiscutibles, as once desta noite. A esa hora, e ademais esta vez na praia do centro do pobo porque as mareas permíteno, levará a cabo a recreación do Desembarco das tropas do arcebispo Rodrigo de Lúa. Aquel verán de 1457 foi duro e sanguento para a vila, que foi brutalmente saqueada polos secuaces da Igrexa, pero escribiuse tamén unha páxina gloriosa para a localidade e para o señor de Altamira, a través de Gómes de Rioboo, sen a que non se entendería o patrimonio que aínda atesoura hoxe Corcubión.
Fonte: A Voz de Galicia e fotografía by Marcos Rodríguez
Entrada publicada: 22/07/2016
Volver