Blog
O bo tempo, os espectáculos e o público animan o Mercado Medieval de Corcubión
Corcubión segue inmerso na súa festiva viaxe ao pasado. Tras o exitoso fin de festa da velada inaugural do venres co concerto do grupo Ao-Medievo -que conquistou ao público coa súa singular combinación de música medieval e tradicional- a xornada de onte do Mercado Medieval Costa da Morte arrincou con bo tempo e unha afluencia crecente de público. As rúas da localidade volvéronse encher de vida e espectáculos variados: desde cetrería a malabares, pasando por maxia, teatro e música, co coro local Airiños de Quenxe transmutado para a ocasión na Coral de Doa Xuana.
A 16ª. edición deste exitoso Mercado Medieval despedirase hoxe cunha última xornada repleta de propostas. A apertura oficial será ás 11 horas e media hora despois comezarán as actuacións rueiras, que se irán sucedendo cada 15 minutos ata as 14.30. Tras o parón do mediodía, os actos renovaranse ás 18 e xa non pararán ata pasada a medianoite, co espectáculo circense Ornatus, que será o encargado de pechar o programa.
Fonte: A Voz de Galicia e fotografía by Jorge Parri
Entrada publicada: 24/07/2016
Volver