Blog
Corcubión, epicentro festivo co seu animado Mercado Medieval
En Corcubión son días de orgullo e de implicación veciñal. Onte pola tarde botou a andar a 17.ª edición do Mercado Medieval, unha proposta que, tal e como dicía o edil José Antonio Louro, vai máis aló dos postos de venda en si e convértese na festa de todos, dos da propia localidade e dos chegados de fóra, que tamén asumen a celebración como propia. As actividades constantes -música, teatro, gastronomía, espectáculos de lume, artesanía, zona infantil, cetrería...- converterán hoxe e mañá a localidade en epicentro festivo da comarca, por máis que tamén haxa opcións de lecer noutros moitos puntos. O Mercado Medieval Costa da Morte merece máis que unha parada, con animación continua entre as 11.00 e as 14.30, pola mañá, e entre as 17.00 e a hora que o corpo aguante, pola tarde. A vida nas rúas é unha das firmes apostas deste ano e, así, hai varios grupos teatrais e musicais, entre eles Vos Brinqueiros -música medieval e tradicional galega-: ten varios pases ao longo da xornada e un concerto final, hoxe, ás 00.30. Mañá, domingo, continuará o goce.
Fonte: A Voz de Galicia e fotografía by Jorge Parri
Entrada publicada: 22/07/2017
Volver