Blog
A festa e a historia desbordan as rúas de Corcubión
En Corcubión, cada recuncho entraña a súa particular historia. Queda evidenciado na fin de semana do Mercado Medieval onde cada ano se congregan corcubioneses de pura cepa, veciños e forasteiros para celebrar a historia. Dende a apertura de portas, a iso das 11 da mañá, centos de persoas peregrinaron onte polas rúas da vila entre espectáculos musicais, postos de artesanía e deliciosa comida. Ás 13.00 horas desenvolvíase unha exhibición de voos de cetrería ante ducias de cativos que miraban embelesados para tan curiosas aves. Máis tarde, arredor das dúas menos cuarto, Birlibirloque ofrecía un espectáculo de maxia e malabares.
Despois dun pequeno parón no que as rúas de Corcubión se baleiraban momentaneamente para repoñer forzas, ás 17 horas volvía a abrir as súas portas o mercado. Sucedíanse actividades por doquier ante un público entregado que cada ano se supera en hospitalidade e participación. Para pechar a segunda xornada: espectáculo de fogo e malabares ás 22.30 horas e concerto de rúa da man de Os Brinqueiros.
O programa de hoxe, derradeiro día de celebracións, entraña tamén múltiples actividades que serán de interese para quen se achegue a mergurllarse no medievo. Pasarrúas, música e danzas orientais, exhibición de voos de cetrería, monicreques, Contos del Zoco, xogos de equilibrio e malabares ou espectáculo de fogo e humor a cargo de A Queimaroupa, entre moitas outras actividades.
Hoxe pechará o mercado, como cada ano, o arriado do pendón maior ás 12 da noite, dando por finalizada unha edición máis -e xa van 17- da festa histórica.
A axuda prestada por hosteleiros e comercios da vila, sinalan, é un dos motivos do éxito, que se impón a outras citas festivas celebradas por toda a comarca.
Fonte: A Voz de Galicia e fotografía by Jorge Parri
Entrada publicada: 23/07/2017
Volver