Blog
Corcubión abre o mercado medieval máis identitario
Todo parece haberse ensamblado para que esta sexa, senón a mellor, si una das mellores edicións do Mercado Medieval de Corcubión. Avanzábao na presentación o presidente da entidade organizadora, José Ramón Piñeiro, pero non está de máis recordalo. Este ano é o da maioría de idade -van 18 edicións- e, ademais, importante, recupérase a recreación do Desembarco, peza crave que distingue a esta cita. Chegou o día. Esta tarde empeza todo. Arrinca ás 18.00 horas.
José Antonio Louro, concelleiro de Cultura corcubionés, dicía onte en Radio Voz Carballo que o mercado medieval desta localidade, aínda que así denominado, é moito máis que un mercado, máis que unhas serie de postos nos que comprar e entre os que pasear. É unha feira, unha festa enteira con dúas grandes particularidades. A primeira delas, a involucración de todos os veciños, de toda a localidade. Senten que é a súa festa, agardan por ela o resto do ano e vístense de época, colgan pendóns das súas vivendas e saen á rúa a atoparse, a gozar do teatro, dos espectáculos. «O que nos fai diferentes é a involucración de toda a vila», contaba Louro, que ademais apunta outra das claves. Este non é un mercado facilmente substituíble, sen nutrientes, senón baseado nun feito histórico certeiro: o desembarco das tropas do arcebispo Rodrigo de Lúa na localidade a mediados do século XV, no ano 1457.
Corcubión é a pequena perla da Costa da Morte. Non podería haber mellor decorado que a parte vella deste municipio, centro de todas as actividades, un casco antigo declarado conxunto histórico artístico polo que é moi fácil viaxar no tempo a outra época. Quixo Louro recordar a quen empezaron a forxar esta festa que hoxe o é de toda a comarca -acoden grupos ataviados do propio concello, pero tamén doutros arredores, ademais de visitantes-. Carlos Rei foi un dos principais impulsores, co seu equipo, durante dez anos. Despois tomouse a vez e hoxe hai que seguir agradecendo o traballo voluntario da Asociación Organizadora do Mercado Medieval Costa da Morte.
Actividade constante todo o fin de semana e, hoxe, Desembarco: 22.30
Moita animación, música ben variada -sobre todo folk, pero tamén con aires árabes-, teatro, cetrería... De todo iso haberá neste Mercado Medieval que se prolongará ata o domingo e cuxos postos quedarán abertos esta mesma tarde, ás seis, con espectáculos constantes cada media hora. Bufóns, pasacalles, música, maxia, mitoloxía... Todo irá quentando motores para un dos momentos máis esperados, a recreación do Desembarco.
Será na Praia de Quenxe, esta noite, ás 22.30. Uns veciños serán soldados. Outros, habitantes da vila que fan fronte aos chegados. Puro espectáculo, como os torneos medievais programados para as tardes do sábado ou o domingo ou as sesións co grupo Troula, que regresa á localidade cunha posta de escena en gran formato: música e lume ás 23.00 horas do sábado, baixo o nome de «Errantes». Queda por diante un fin de semana realmente grande, cos postos abertos de 11.00 a 15.00 e de 17.00 ata 00.30.
Coa esperanza de que esta edición quede para o recordo, no seu día tamén se daba conta doutras novidades deste ano, como o patrocinio de Estrella Galicia ou o reforzamento da zona infantil, aspecto no que onte incidía o concelleiro Louro.
Moito máis para os nenos
No Campo do Rolo estará situada a zona infantil, un punto de encontro onde practicamente cada quince minutos terán actividades á súa disposición, de forma que pais e familias poderán gozar do mercado coa tranquilidade de sabelos entretidos e coidados. O espazo potenciouse este ano. Alí haberá desde pintacaras ata malabares, pasando por unha escola de pequenos cabaleiros, mesmamente, e ata por un taller de escudos heráldicos e outro de cuñaxe de moedas. Hoxe pola tarde, mañá e o domingo, todo o día, desde as 11.00 horas. ¡Non hai desculpa!
Fonte: La Voz de Galicia
Entrada publicada: 20/07/2018
Volver